Cando quero canto, canto
cando canto canto ben(e)
non se me pon no camiño
arrodeo de ninguén(e)
Ai Amor, arrodeo de ninguén(e).
Se en Galiza traballasen
os que arruban o diñeiro
medraría pan na artesa
e millo no cabaceiro
Ai Amor, e millo no cabaceiro.
A vida que leva o probe
e como a vida de un grilo
polo dia moita fame
pola noite moito frío
Ai Amor, pola noite moito frío.
Esta noite ha de chover
que leva cercado a lúa
para uns e sinal de fame
para outros de chea e fartura
Ai Amor, para outros de chea e fartura.
Voa unha vella cantiga
entre as uces de falvan(e)
que me rouba o sentimento
e me traba como un can(e).
Ai Amor, e me traba como un can(e).